Manifesto contra a represión lingüística

Os primeiros anos deste novo século serviron para que a ultradereita española, representada polo Partido Popular, propiciase o nacemento e expansión dun discurso contra dos dereitos colectivos das nacións periféricas integradas no Estado Español, que é de seu un ataque estrutural á propia existencia destas. Un dos dereitos que máis turba ao nacionalismo español de nova planta é o de toda unha colectividade a desenvolverse en todas as instancias e niveis da vida social no seu idioma, o que representa o principal síntoma dunha identidade en resistencia e construción permanente, mais xa madura, logo dun proceso de formación no que importaron moito os esforzos de moitas xeracións e que atravesou os contextos políticos e sociais máis adversos.
Este discurso, novo en aparencia, acumula o herdo do totalitarismo lingüístico, e foi reforzado por diferentes expropiacións de conceptos que historicamente pertencen ás expresións da esquerda xenuína, como é o propio termo “liberdade”. Isto garantiulles certo grao de aceptación no medio social, que se veu amparado no compromiso dos mass media con este tipo de expresións propias do centralismo. Amais o goberno galego, tomado polo Partido Popular hoxe, agocha baixo a cortina de fume da “austeridade fronte á crise” un programa de desartellamento da nación galega que se asenta na máxima colonial do “desenraizamento” para poder perpetuar a dominación do centro colonialista sobre territorios cultural, social, política e economicamente diferenciados, como é o caso do noso País. Neste escenario, unha necesidade partillada polas forzas que alternan as butacas en Madrid é a de reprimir e aniquilar as expresións contestatarias que están a defender a lingua nacional fronte a aqueles actos e manifestacións que, baixo unha retórica formalmente democrática, están cargados de violencia simbólica e real. Este é o caso dos eventos pola “libertad lingüística” ou para ben dicir, contra a normalización da lingua galega e a propia lexislación que debería garantir esta, que comprometen un regreso ao vello escenario de marxinalidade lingüística para o galego. Garanten a posición de dominación da lingua castelá coa estratexia de presentala como “lengua común”, e non son senón, polo seu carácter de expresións dunha minoría social creada, referendada e amplificada polos medios de desinformación e o poder, un erro máis, unha mostra máis do fracaso do programa asimilador do nacionalismo español.
A represión resólvese como unha peza chave nesta dirección. Dende hai un lustro, a coordinación de manobras das forzas institucionais que se autolexitiman nestas minoritarias expresións sociais, viuse acompañada da activación dos mecanismos de represión xurídico-política ou xurídico-policial que acompasan os diferentes momentos políticos de agresión aos dereitos colectivos destas nacións sen estado. Así, os procedementos xudiciais abertos contra entidades normalizadoras, as sancións
administrativas e penais contra os individuos e colectivos sociais (véxanse o famoso caso do “L” na Coruña ou do expediente sancionador do concello compostelán contra a faixa da Gentalha do Pichel), sumados ao circo de violencia policial nas concentracións en defensa da lingua, son unha proba clarificadora do cotián deste embate contra o idioma.

Por iso, e á vista dos diferentes procedementos civís, administrativos e penais abertos contra activistas comprometidos e comprometidas coa lingua, das diferentes ameazas de sanción económica e mesmo prisión, ou da asfixia económica e xudicial á que están a someter a diversas entidades sociais, os colectivos que adherimos este manifesto como unha posición común fronte á miseria do nacionalismo, español,

ESIXIMOS:

1. O sobresemento dos procesos xudiciais abertos contra todas as persoas, colectivos e entidades polo feito de desenvolver un traballo coherente en defensa do idioma.

2. A retirada de todas aquelas sancións que a día de hoxe son efectivas contra asociacións ou individuos, impostas arbitraria e desproporcionadamente como mecanismo de represión e silenciamento.

3. A desactivación dos dispositivos de violencia policial artellados arredor das iniciativas en defensa da lingua, do mesmo modo desproporcionados e gratuítos, encamiñados acriminalizar este tipo de iniciativas, atemorizar a poboación, coartar a liberdade de expresión e impor o discurso único.

4. A depuración de responsabilidades políticas e administrativas con respecto a estas mostras de agresión.

5. O cumprimento, por parte da Administración galega, das súas obrigas legais en materia de normalización lingüística, que non só foron abandonadas, senón vulneradas conscientemente no marco dunha acción lexislativa que inverte o proceso de normalización lingüística posto en marcha dende a aprobación da Lei 3/1983 de 15 de xuño de Normalización Lingüística, e a restauración dunha legalidade xa en por si deficitaria.

Ao tempo, queremos manifestar o noso apoio a todas aquelas iniciativas solidarias coas persoas e colectivos que sofren estas prácticas represivas, e a nosa disposición para continuarmos no camiño da loita polo idioma, que, malia ser molesto para as autoridades, é o único que pode garantir supervivencia da nosa lingua.

Na Terra, xaneiro de 2010

_________________________________________________________________________

Versom em AGAL

Manifesto contra a repressom lingüística

Os primeiros anos deste novo século servírom para que a extrema-direita espanhola, representada polo Partido Popular, propiciasse o nascimento e expansom de um discurso contra os direitos coletivos das naçons periféricas integradas no Estado Espanhol, que é em si próprio um ataque estrutural à existência destas. Um dos direitos que mais inquieta o nacionalismo espanhol contemporáneo é o de toda umha coletividade a se desenvolver em todas as instáncias e níveis da vida social no seu idioma, o que constitui o principal sintoma de umha identidade en resistência e construçom permanentes, mas já madura, após um processo de formaçom em que fôrom mui importantes os esforços de muitas geraçons e que atravessou os contextos políticos e sociais mais adversos.

Esse discurso, novo em aparência, acumula o herdo do totalitarismo lingüístico, e foi reforçado por meio de diferentes expropriaçons de conceitos que historicamente pertencem às expressons da esquerda genuína, como é o próprio termo “liberdade ”. Isto garantiu-lhes um determinado grau de aceitaçom no meio social, amparado no compromisso dos mass media com este tipo de expressons próprias do centralismo. Além disso, o governo galego, hoje em maos do Partido Popular, esconde com a cortina de fumo da “austeridade face à crise” um programa de desarticulaçom da naçom galega que assenta na máxima colonial do “desenraizamento ” para poder perpetuar a dominaçom do centro colonialista sobre territórios cultural, social, política e economicamente diferenciados, como acontece no nosso País.

Neste cenário, umha necessidade partilhada polas forças que alternam as poltronas em Madrid é a de reprimir e aniquilar as expressons contestatárias que estám a defender a língua nacional frente àqueles atos e manifestaçons que, sob umha retórica formalmente democrática, estám cheios de violência simbólica e real. Este é o caso dos eventos pola “libertad lingüística” ou melhor dizendo, contra a normalizaçom da língua galega e a própria legislaçom que deveria garantir esta, que comprometem um regresso ao velho cenário de marginalidade lingüística para o galego. Garantem a posiçom de dominaçom da língua castelhana com a estratégia de apresentá-la como “lengua común ”, e nom som mais do que, polo seu caráter de expressons de umha minoria social criada, referendada e amplificada polos meios de desinformaçom e o poder, mais um erro, mais umha amostra do fracasso do programa assimilador do nacionalismo espanhol.

A repressom apresenta-se como umha peça-chave nessa direçom. Desde há um lustro, a coordenaçom de manobras das forças institucionais que se auto-legitimam nestas minoritárias expressons sociais, foi acompanhada da ativaçom dos mecanismos de repressom jurídico-política ou jurídico-policial que compassam os diferentes momentos políticos de agressom contra os direitos coletivos destas naçons sem estado. Assim, os procedimentos judiciais abertos contra entidades normalizadoras, as sançons administrativas e penais contra os indivíduos e coletivos sociais (vejam-se o famoso caso do “L ” na Corunha ou do processo sancionador da cámara municipal compostelana contra a faixa da Gentalha do Pichel), acrescentados ao circo de violência policial nas concentraçons em defesa da língua, som umha prova clarificadora do quotidiano deste embate contra o idioma.

Por isso, e em vista dos diferentes procedimentos civís, administrativos e penais abertos contra ativistas comprometidos e comprometidas com a língua, das diferentes ameaças de sançom económica e mesmo de prisom, ou do abafamento económico e judicial a que estám a ser submetidas diferentes entidades sociais, os coletivos que aderimos a este manifesto como umha posiçom comum frente à miséria do nacionalismo espanhol,

EXIGIMOS:

1. O sobrestamento dos processos judiciais abertos contra todas as pessoas, coletivos e entidades polo facto de desenvolverem um trabalho coerente em defesa do idioma.

2. A retirada de todas aquelas sançons que hoje em dia som efetivas contra associaçons ou indivíduos, impostas arbitrária e desproporcionadamente como mecanismo de repressom e silenciamento.

3. A desativaçom dos dispositivos de violência policial articulados à volta das iniciativas em defesa da língua, do mesmo modo desproporcionados e gratuitos, encaminhados a criminalizar este tipo de iniciativas, atemorizar a populaçom, coarctar a liberdade de expressom e impor o discurso único.

4. A assunçom de responsabilidades políticas e administrativas a respeito destas amostras de agressom.

5. O cumprimento, por parte da Administraçom galega, das suas obrigaçons legais em matéria de normalizaçom lingüística, que nem só fôrom abandonadas, mas vulneradas conscientemente no cenário de umha açom legislativa que inverta o processo de normalizaçom lingüística posto a funcionar desde a aprovaçom da Lei 3/1983 de 15 de junho de Normalizaçom Lingüística, e a restauraçom de umha legalidade deficitária por si própria.

Para além disso, queremos manifestar o nosso apoio a todas aquelas iniciativas solidárias com as pessoas e coletivos que estám a sofrer estas práticas repressivas, e a nossa disposiçom para continuarmos no caminho da luita polo idioma, porque, embora seja molesto para as autoridades, é o único que pode garantir a sobrevivência da nossa língua.

Na Terra, janeiro de 2010

Na categoría Sen clasificar | Comentarios desactivados